Friday 26 de April de 2024

Un cento de persoas chegan a Compostela para reclamar unha variante do Camiño Inglés pola ría de Muros e Noia


Os participantes recibiron á súa chegada unhas empanadiñas ecolóxicas de algas con forma de vieira elaboradas pola firma Galuriña

Un cento de persoas chegaron este mediodía á praza do Obradoiro de Compostela nunha singular peregrinación. A iniciativa, promovida a través da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago pola ría de Muros e Noia, ten como principal obxectivo reclamar a oficialización da variante deste itinerario xacobeo, conformando unha ruta circular entre Santiago, Fisterra-Muxía e Muros-Noia.

O percorrido, que comezou o pasado día 18 en Muros, dividíuse en catro etapas nas que os asistentes pasaron por nove concellos: Muros, Porto do Son, Serra de Outes, Noia, Lousame, Rois, Brión, Ames e Santiago de Compostela. A segunda xornada, o 19 de xuño, deu comezo simultáneamente nos concellos de Porto de Son e de Outes dende onde os camiñantes se desprazaron ata a Praza do Tapal noiesa.

As dúas últimas fases deste camiño desenvolvéronse esta fin de semana. O, coa saída onte dende Noia ata Rois. Este último concello foi o punto de partida para a derradeira etapa desta peregrinación reivindicativa da variante do Camiño Ingl.es.

Degustación de ‘Maruquiñas’
O cento de camiñantes chegaron arredor das 13.00 horas á praza do Obradoiro para despois participaren na Misa do Pelegrín. Á súa saída, arredor das 14.15 horas, e como premio para todos os asistentes, ofreceuse unha degustación dunhas empanadiñas ecolóxicas de algas con forma de vieira (as Maruquiñas), elaboradas pola empresa muradana Galuriña.

A xerente desta firma que elabora empanadas e empanadiñas ecolóxicas con algas, Carmen Sánchez, é unha das vogais da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago pola ría de Muros e Noia. Esta foi constituída en novembro de 2015 na Casa da Cultura Avilés de Taramancos noiesa e está presidida por Carmen Calo. Dita agrupación ten como fin reivindicar a oficialización dunha variante do Camiño Inglés que, dacordo cos datos históricos que manexan, era un itinerario utilizado polos pelegríns que se dirixían a Santiago e que chegaban en barcos aos portos de Porto do Son, Noia, Muros e Freixo (Outes) para despois finalizar o percorrido en Compostela.

Dende a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago pola ría de Muros e Noia traballan dende hai dous anos na oficialización deste itinerario alternativo. Un percorrido cuxa vinculación coa Ruta Xacobea tamén se pode ver representado nas empanadiñas de algas elaboradas por Galuriña, unha empresa radicada no concello de Muros. Estes produtos ecolóxicos estarán en breve ao alcance de pelegríns, composteláns e visitantes nos estabelecementos Vermutería Empanadería La Galaica e na Xeladería Xearte, ambos localizados na capital galega.